13 de diciembre de 2013

A Clase das Arañas

Os que nos vedes cada día xa sabedes que os nenos e nenas de 2º EI somos a clase das Arañas pero queremos contarvos aquí como chegamos a este nome e que cousiñas fixemos relacionadas con estas simpáticas amiguiñas.

Todo comezou cando despois dos primeiros días de cole quixemos entre todos e todas buscarlle un nome á nosa clase. Cada un de nós tiña varias propostas así que decidimos falalo na asemblea.

A asemblea é un momento especial que temos todos os días na aula cando nos sentamos nun corro na alfombra para contar e compartir como nos sentimos, se estamos preocupados por algo, ilusionados ou simplemente queremos contar algo que para nós é importante nese momento. Para nós a asemblea é un momento moi especial no que nos sentimos importantes e que nos axuda tamén a resolver conflictos e chegar a acordos.

Pois ben, na asemblea propuxemos un nome diferente e explicamos cada un  a razón pola que lle apetecía ese nome. Entre outras razóns, en moitos de nós estaba presente que ese nome sería o inicio do primeiro proxecto da aula, así que o propoñiamos polas ganas de investigar sobre el, de saber cousas que nos intrigaban.

Como vedes na foto, despois dunha votación decatámonos de que estaba a cousa moi igualada: entre "A clase das Arañas" e a "Clase das bruxas" había moi pouca diferencia de votos polo que nos pareceu razoable intentar chegar a un consenso... e  despois dun longo debate acordamos chamarnos a clase das arañas pero que no halloween traballariamos o tema das Bruxas. E así o recollimos neste documento que todos e todas firmamos:
Acordo

Así acordado o nome "A Clase das Arañas" fomos expoñendo ao longo dos días seguintes que cousas nos gustaría facer con respecto ao tema, onde podiamos ir recollendo material e fomos anotando aquelas cousas que queriamos saber para poder centrar a nosa investigación.

araña2


 E por suposto engalanamos a aula inspirandonos neste animaliño que descubrimos pertence á familia dos arácnidos e non dos insectos. Aquí podedes ver o noso rexistro: os que están na aula colocámolos na araña e os que hoxe non viñeron os colocamos na tea
arañas 1


araña pompón


E como arañas que somos, tecimos a nosa tea :
tea


E por suposto, adicámonos a buscar por todas partes arañas e teas de arañas polos recunchos da aula, no patio e...en calquer lugar descubrindo que no noso cole hai moitísimas arañas e de moitas formas, cores, tamaños...difrentes.

Antía trouxo unhas  arañas para observar que a súa mamá nos mandou dende o laboratoiro do seu traballo, e nós fomos á caza de algunha outra para podela observar máis de preto. Tivémola durante algúns días, vimos como facía a súa tea e como comía algunha das moscas que lle cazabamos (somos expertos cazadores de moscas dende aquela!). Descubrimos ademais que non as comen senón que as chupan ata deixalas secas. De aí que teñan que estar vivas, senón non lles valen.
Pois así foi o noso primeiro proxecto do curso...bueno, ,moi resumido e non rematado porque seguimos a descubrir cousas cada día sobre estas simpáticas compañeiras de aula.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

A vosa participación tamén é importante....contade!!