31 de marzo de 2011

Achegarte


Esta fin de semana, 2-3 de abril, celébrase en A Coruña a Feira da Cultura "Achegarte" e as nosas profes recoméndavos que nos levedes xa que a programación infantil é moi apetecible e variada. Danza, teatro, música, literatura, obradoiros de arte...farán que os máis pequenos da casa o pasemos moi ben e que a experiencia poida aportanos moito.

Destacamos que na programación está Pesdelán coa profe do cole Uxía da que xa vos falamos algunha vez aquí.
Deixámosvos o programa para que vaiades escollendo (non será doado)

Xa sabedes, fin de semana cultural aí ao lado, na Coruña...gozádeo!!!

29 de marzo de 2011

A hora do conto

Esta é unha das rutinas que temos establecida en todas as aulas de infantil. É un ratiño máxico no que a través dos contos viaxamos por diferentes planetas, lugares, émocións, aventuras, cores...
Os nenos e nenas de 1º e 2º EI facémolo xuntos e chamámoslle "Contos e Cantos" xa que moitos dos contos que contamos tamén os cantamos porque van acompañados de música, cancións, bailes ou rimas. Cada semana escollemos 4 contos e despois, os venres eleximos entre todas e todos o que máis nos gustou. Ese é o "Libro da semana" do que facemos un pequeno dossier coas personaxes e un pequeno resumo do contido para podelo volver a recordar e releer nós de maneira autónoma. Así ao final de curso teremos un montón de "minicontos" reinterpretados e reilustrados por nós mesmos.

Os nenos e nenas de 3º EI tamén temos o momento de lectura diario pero nós, como somos os grandes, lemos un libro moito máis longo e complexo ao longo da semana e despois expoñémolo no corredor xunto cos nosos escritos nos que reflectimos as nosas impresións, o que nos gusta ou nos disgusta e as sensacións que a historia provoca en nós. Tamén recollemos datos como o título, autor/a, ilustracións, editorial... É unha forma de axudarnos a fixarnos en datos aparentemente irelevantes pero que teñen moita importancia. Xa nos demos conta de que hai libros e contos que non nos aportan nada, que son para os máis pequenos. Xa nos gusta a Literatura con maiúsculas. Ana María Matute ou Selma Lagerlof son autoras que nos cautivan cos seus relatos. Con estes libros aprendemos vocabulario, expresión, diferentes xeitos e formas de pensar e sentir e novas culturas. É unha auténtica ledicia escoitar e ler contos e compartilos cos demais.


Os libros que utilizamos pertencen ás bibliotecas de aula, á biblioteca do centro ou os traemos da Biblioteca Nodal de Lugo. Esta biblioteca ofrécenos a posibilidade de ter fondos e títulos en contínua renovación.
Enmaracado no Plan Lector de Galén todos os nenos e nenas en 1º EI co gallo do Día do Libro facemos unha visita ás instalacións da Biblioteca na que nos ensinan o funcionamento da mesma e recollemos o noso carné de lectoras e lectores. É unha maneira de favorecer o acceso ao mundo máxico dos libros no que podemos atopar mil e unha aventuras compartidas con outros moitos lectores e lectoras.

Se tedes algún título marabilloso que queirades compartir con nós publícadeo nun comentario ou vide á clase a lelo con nós. Será un agasallo para todos e todas.

libro semana 1
libro semana 2

22 de marzo de 2011

A hora do planeta. Desenvolvemento sostible

O futuro do planeta preocúpanos. Ao fin e ao cabo é a nosa casa, na que imos desenvolver a nosa vida.
Este ano o colexio en conxunto reflexiona sobre o Cambio Climático, sobre as consecuencias do mesmo e as posibilidades de acción que temos como individuos e como colectivo. Nesta liña celebramos un certame de fotografías con ese fío conductor e nas aulas estamos a traballar sobre a pegada do ser humano no planeta.
En Educación Infantil escollemos o tema dos residuos contaminantes que xeramos e as alternativas que están na nosa man para reducir o impacto desa pegada. O próximo día 1 celebraremos a posta en común de todas as experiencias levadas a cabo nas distintas etapas e teredes información detallada da mesma.

Estes días atopamos na rede unha iniciativa de WWF da que POCOYÓ é o embaxador.
pocoyo_grande

WWF é unha das maiores e máis eficaces organizacións internacionais independentes adicadas á conservación da natureza. A campaña é unha das maiores mobilizacións globais contra o cambio climático. Trátase de "A hora do planeta. Apaga a luz, acende o planeta"</

que propón apagar a luz este sábado 26 de marzo dende as 20:30 ata as 21:30 en favor do planeta.


Tedes máis información nestes enlaces:
La Hora del Planeta
Pocoyó

Dende o colexio invitámosvos a secundala.
Os pequenos xestos son os que moven o mundo.

11 de marzo de 2011

Obradoiros de Entroido

O prometido é débeda...así que agora toca contarvos algunhas das cousiñas que fixemos ao longo da semana de Entroido.
O Luns fixemos obradoiro de caretas: as Landras fixemos un ratiño/a, as Estrelas coelliños e coelliñas e as Medusas antifaces con plumas que quedaron do máis sofisticados.
caretas 3-4
obardoiro caretas 5

O martes foi un obradoiro un pouquiño máis especial porque contamos coa colaboración de papás e mamás dos tres cursos de infantil.Grazas a todos e todas pola vosa colaboración!!
A verdade é que esta actividade conxunta que facemos hai xa algúns anos funciona moi ben. Nós, os nenos e nenas gozámola coa vosa presenza, as mestras tamén quedan contentas de compartir con vós actividades nas aulas e...e vos???? pasástedelo ben non????
Os papás e mamás que non puideron acompañarnos este ano que vaian reservando axenda para a vindeira edición!!!!
maquillaxe 3
maquillaxe2
maquillaxe

O mércores fixemos rosquillas de entroido en dúas variantes: "Rosquillas sen gluten" e "Rosquillas sen ovo" e estaban as dúas versións riquísimas. Non temos fotos pero o importante era catalas!!!

O xoves elaboramos complementos de vestiario. As Landras e as Medusas fixemos coroas con estilos moi persoais utilizando materiais de refugallo que tiñamos pola aula (anacos de papel, telas, papeis de magdalenas, palliñas etc...) e as estrelas unhas garabatas do máis elegantes.
obradoiro complementos 3
obradoiro complementos

E así foi este entroido 2011 que despedimos con ganas de que chegue o seguinte!!!!

6 de marzo de 2011

Festa de Entroido 2011

Este ano a festa, como xa vos contamos tivo como título "Galén Disney Pictures"´, polo que o pavillón converteuse por unhas horas nunha pantalla de cine.
As diferentes coreografías coas bandas sonoras das pelis foron fiadas polas xa clásicas personaxes de Disney Mickey Mouse, Miney e Pluto (Mara, Rosa, Julia e Aida que facían as veces de presentadoras) que estaban no salón da súa casa vendo a tele, pola que pasaron personaxes das pelis "Aladín", "Os Incribles", "A sereíña", "Bechos", "O libro da Selva", "Os Aristogatos" e "High School Musical".
presentadoras

Os nenos e nenas de Infantil desta volta convertémonos en "101 Dálmatas" con todas as súas personaxes. Nós fixemos de canciños e cadeliñas e grazas aos rapaces e rapazas de 4º ESO puidemos completar a escena con Cruella de Vil (Balder), a Nani (Sandoval), Gaspar e Horacio (Guille e Dani) e as cadeliñas grandes Laura P., Laura, Lara, Ana e Ainhoa. A verdade é que o pasamos moi ben con eles e elas non só na preparación da coreografía senón que ao longo da semana gustounos moito que viñeran a compartir con nós as actividades de entroido nos diferentes obradoiros das tardes. Grazas!!! e non esquezades vir a visitarnos de cando en vez!!!

comparsa 5
comparsa 2
comparsa 4
comparsa 3
comparsa 1
comparsa


Aquí podedes ver o sinxelo que foi elaborar os traxes e o ben que quedaron. Levamos roupa branca da casa, pegámoslles manchiñas de papel-pegatina, un laciño con axóuxere para o pescozo e na cabeza un pasamontañas ao que lle cosimos un par de calcetíns que fixeron as veces de orelliñas, un rabiño e un pouco de maquillaxe e....auténticos dálmatas.
disfraz

E non só nos disfrazamos nós....as profes tamén claro!!!! Adivinades quen son???
as profes

Así que xa vedes, pasámolo xenial e o traballo feito mereceu a pena xa que nos quedou unha festa ben chula....non vos parece????

Seguirémosvos contando na seguinte entrada en breve o que deron de si as outras actividades que fixemos ao longo da semana.