31 de marzo de 2012

Semana da Auga

si, si, tamén celebramos no cole a Semana da Auga que iniciamos o pasado luns 19 de marzo e rematamos o venres 23.
Tratábase dun proxecto internivelar no que estabamos implicados todos os cursos do cole dende 3 anos ata os grandes de 1º de bacharelato, e todos e todas en torno ao tema da auga.
Nas aulas de infantil esta actividade conectou directamente co proxecto iniciado en Nadal xunto a Pedro e a ONG Rebibir que podedes recordar aquí

E empezamos con marcha, moita marcha no corpo para participar o luns na "Carreira solidaria da auga" en colaboración con UNICEF co obxectivo de racadar fondos para a construción de pozos en Níxer, un proxecto que leva por título Gotas para Níxer. Podedes ver máis información sobre este proxecto aquí
E nós, con toda a nosa enerxía, acadamos os obxectivos propostos e a carreira foi todo un éxito.
carreira auga

E nas aulas iniciamos un proxecto de investigación en toda infantil ao redor dos ecosistemas acuáticos e algúns dos seus habitantes.

Na clase do sol están a montar un acuario de auga doce. E este foi o proceso:

Lavamos o acuario e a area do fondo
limpando
limpando 2

Despois de ben limpiño meter a area dentro
area

A auga e as pedras
auga-pedras

E agora a esperar uns días a que o ecosistema se asente, se limpe e quente a auguiña para poder traer aos peixiños....ainsss cantas ganas de telos con nós e poder observar e investigar.
Xa vos iremos contando....


Os nenos e nenas da clase dos tigres escollemos as tartarugas de florida e temos unha na aula que ademais de para observar nos axuda tamén a ir asumindo algunha responsabilidade máis para o seu coidado, limpeza, darlle de comer etc.... e iniciamos o proxecto da auga con ela.
Aquí nos vedes dándolle de comer
tartaruga
Fixemos tartarugas de plastilina
DSC03802

E tamén iniciamos un proxecto de investigación que, xunto coa observación directa do animaliño, nos axudou a respostar a moitas das preguntas que nos plantexamos sobre ela.
Coas conclusións sacadas fixemos o mural que despois compartimos na exposición coxunta de todo o cole.
mural

E tivemos tamén a colaboración especial da mamá de Valeria, que quixo compartir con nós a canción e video de "La tortuga Manuelita" que trouxo dende Arxentina, o seu país de orixe. Compartimos unha tarde moi especial con ela, grazas Mariana!!
mamá Valeria

Os golfiños quixemos centrarnos nos animais das charcas e pozas.
Un día apareceu Catuxa con animais dunha poza: unha xa coñecida a ra pero había tamén outros que non sabiamos o que eran. Pensabamos que eran cágados, bebés ras, e buscando buscando e comparando coas imaxes da información que rápidamente aportamos dende as nosas casas descubrimos que era outro animal diferente....uns bebés tamén pero de Tritón. Moitos de nós non sabiamos da existencia deste anfibio e a motivación está a ser máxima para descubrir moito máis sobre eles.

tritóns

O primeiro que tiñamos que descubrir era como coidalos: como manter o seu hábitat e como alimentalos......e xa vedes na foto, rápido nos organizamos para a caza de insectos e miñocas no patio.
caza

E seguimos a observar e investigar.

Nas tres aulas elaboramos uns murais sobre o que estabamos a facer para compartir cos outros nenos e nenas do cole e as familias xa que o xoves viñeron a un acto no que un representante de cada aula explicaba o proxecto e/ou experimento que escolleran sobre a auga. E ás familias encantoulles claro! grazas pola vosa participación.

Iniciamos os proxectos nesta semana pero continuaremos ao longo de moitos días máis porque a nosa motivación é máxima. xa vos seguiremos contando.

9 de marzo de 2012

Maxia!!! de papel vello a papel novo!

Xa fai un tempo que o fixemos, pero non queriamos deixar de compartir con vós esta actividade que fixemos as nenas e os nenos da Clase do Sol que tanto nos impactou.

Na aula temos dous cubos do lixo: un para o papel e o outro para os outros resíduos. Cando vimos que o cubo do lixo do papel estaba moi moi cheo pensamos que poderiamos facer con el, porque xa sabedes, no cole todo pode ter un segundo ou mesmo un terceiro uso. Falamos que nas nosas casas tiramos o papel no contenedor azul e que despois o levan a un lugar onde o comverten outra vez en papel pero....non eramos quen de imaxinarnos tal proceso, polo que decidimos pedirlle axuda a Elia.

Ah!! Elia é a profe que máis sabe de reciclaxe e conservación da natureza e encantounos compartir unha mañá na aula con ela. Grazas Elia!!
E con ela inciamos o proceso:

1º-Picamos en anaquiños ben pequechos os papeliños
anaquiños
anaquiños 2
anaquiños 3

2º-Botámolos nunha tina de auga quentiña ben grande e batímolo con esa SUPERXIGANTE batidora. UAUE!!! era enorme e fixo desaparecer nun tris os papeliños e converteunos en masa de papel.
batir 2
batir

3º-Coa axuda duns bastidores iamos sacando un pouco de pasta de papel e escurríndoa para logo, con unha baeta absorver a maior cantidade de auga e que quedase só a pasta.
escurrir 2
escurrir

4º- Seguinte paso supermáxico: Elia colle a baeta coa pasta e pegada......a coloca sobre o cristal da ventana e.....tacháaaaaaaaaaan!!!! un papel cadradiño ben ben lindo!!!!
ventana 2
ventana

Mirade as nosas caras que o din todo!
mirando

Unha vez secos os sacamos con moito coidado e...a darlles uso!!!

Nós utilizámolos para facer un agasallo no día Internacional da Muller, 8 marzo, para as mulleres que nós consideramos as máis importantes : as nosas mamás.
flores muller
flores muller 2

23 de febrero de 2012

Yummy pancakes!

1 - Trolly

Un martes pola tarde, os dolphins estiveron a facer deliciosos pancakes. Logo de ver un vídeo por internet de como se elaboran, puxémonos a coñecer e a aprender os nomes dos ingredientes (flour, sugar, baking powder, salt, eggs, milk, oil and -very important- chocolate). Feito isto e os grupos, repartimos os utensilios para a súa elaboración... e animámosvos a facelas un día para almorzar ou merendar!!!

Mans á obra: botamos 1 taza de fariña nunha cunca e engadímoslle 2 culleradiñas de levadura en pó. E mesturamos. Incorporámoslle 2 culleradas de azucre e 1/2 culleradiña de sal. E volvemos a remexer. Ata aquí os ingredientes secos.

2

3

4

5

6

7

Por outra banda, noutra cunca botamos 1 ovo e batemos con forza. Engadímoslle 1 taza de leite e 2 culleradas de aceite de xirasol. Batemos todo ben e mesturamos os sólidos cos líquidos ata que a masa sexa homoxénea.

8

9

10

11

Lista este mestura, botamos un caciño na prancha quente previamente humedecida con aceite e esperamos ata que o pancake amose burbulliñas. Este é o momento xusto para darlle a volta e poñerlle enriba tantas onzas ou gotiñas de chocolate como nos apeteza... e collan claro. Esperamos un 1 minuto ou menos e LISTO. Xa podemos estender o chocolate derretido polo pancake e gozar coméndoo.

12

13

14

15

16

17

18

19

20

21

22

23

Como vedes, pasámolo en grande e gozamos comendo cada un dous pancakes. Que bos que estaban e que ben merendamos!
Por suposto, non nos esquecemos de recoller e limpar todos e todas ao rematar, algo tan importante como todo o proceso anterior. A todos e todas nos gusta axudar e sentir que estamos axudando, colaborando para un ben común. Encántanos que se conte con nós para facer cousas. Sentímonos importantes, como o que verdadeiramente somos.

24

25

Veña, agora a probar a facelos na casa e ídenos contando aquí nesta entrada como vos saíron!!!

21 de febrero de 2012

Festa de Entroido 2012

Queremos antes de nada deixarvos unha imaxe das rosquillas que fixemos no obradoiro do mércores...que bonitas...e ricas!!!
rosquillas

E queremos compartir tamén as imaxes da festa e do proceso de preparación da mesma.
Como sabedes, este ano o tema do entroido eran as diferentes épocas da historia. E nós representamos a escena da prehistoria co descubrimento do lume e a caza do Mamut.

Sempre preparamos a posta en escea da festa con rapaces e rapazas maiores, que nos axudan moito non só na escena senón que tamén colaboran con nós no proceso de preparación do tema. Este ano foron os rapaces e rapazas de 1º de ESO.
Ao longo de varios días viñeron ás nosas aulas a contarnos cousas sobre os prehistóricos, os animais daquela época, como vivían, que comían etc.....
collage1
collage 2

Tamén nos axudarnos a facer os adornos dos nosos traxes: uns colares con dentes de animais que luciron requetebén.
Collage3
Collage 4

A verdade é que gozamos da vosa presenza, das vosas historias, compaña e xogos, así como da vosa axuda e boa disposición cara o proxecto que tiñamos en común. GRAZAS, foi unha experiencia xenial.

E aquí vos deixamos algunhas imaxes da posta en escea e coreografía.
lume
baile 4
baile 3
baile 2
baile1

16 de febrero de 2012

Obradoiro Maquillaxe e Cociña

Xa sabedes o atarefados/as que andamos esta semana, pois ademais dos preparativo da gran festa (traxes, coreografías, posta en escea....) tivemos tamén os xa tradicionais Obradoiros de entroido.

O martes compartimos o obradoiro cos papás e mamás que se animaron a maquillarnos. Coma sempre pasámolo xenial nenos e nenas, mestras e cremos que tamén as mamás e os papás. En cada edición parece que aumenta a vosa participación e este ano fostes moitos os colaboradores e colaboradoras. Estivo xenial verdade??
Animádevos a contarnos a vosa experiencia nas aulas nos comentarios desta entrada !!! Xa sabedes que un blog é moito máis rico se vós tamén participades. Esperámosvos.

Pois aquí tedes as imaxes.
Primerio unha recompilación dos maquilladores e maquilladoras en plena faena.
Collage maquillaxe1

E aquí os resultados espectaculares!!!!
Collage entroido 2

Grazas unha vez máis por facer posibles estes momentos tan entrañables e positivos para todos e todas, porque sin a vosa colaboración esta maneira de traballar nas aulas non sería posible.

O mércores tocou obradoiro de cociña, e fixemos unhas rosquillas sen ovo de chupar os dedos. Anda anda, que seguro que probástedes xa eh????!!!!

E...mañá é o gran día. A partires das 15:30 esperámosvos na posta en escea e posterior baile de disfraces no pabillín do cole. Recordarvos tamén que nesta festa os grandes montan unha cafetería con doces caseiros riquísimos e bebidas quentes e frías. Coa recadación desta particular cafetaría axudan a costear a súa viaxe de fin de curso.
ESPERÁMOSVOS!!!! e....gustarianos moito moito que viñerades disfrazados, como marca a tradición!!!!!