23 de septiembre de 2011

Este ano somos a clase de....

Como sabedes, cada inicio de curso cando chegamos á nosa nova aula, decidimos entre todas e todos como chamarlle ao grupo clase. Así este ano os nenos e nenas de 2º EI somos a clase dos Tigres e 3º EI os Golfiños. Esta é a nosa primeira práctica de eleción democrática: todos e todas aportamos as nosas ideas, debatimos sobre elas, votamos e intentamos chegar a un acordo común de cara a sentirnos identificados coa decisión o máis posible.
Tigres
golfiños



A partir de aquí iniciaremos un proxecto de cara a coñecer máis a estes animais e será o tema a excusa perfecta para traballar a lectura, escritura, recollida-selección-clasificación de información, a creación plástica ....

Esta é a base da nosa metodoloxía, centrada no alumnado e nos seus intereses e gustos, partindo sempre das súas experiencias propias para así darlle realmente significatividade ao aprendido. Para que exista aprendizaxe é imprescindible que o motor da mesma sexan os propios nenos e nenas, que estean activos e sexan eles os protagonistas do proceso e para que esto sexa posible é fundamental traballar a partir do que lles interesa, a partir de acontecementos diarios na aula, de experiencias cercanas.
Xa iredes vendo ao longo deste curso como van xurdindo os diferentes temas ao redor dos cales imos facer as nosas propias investigacións, crearemos materiais para manipular, creacións plásticas..., a partir dos cales sentiremos a necesidade de contar, repartir, xuntar, clasificar, ler, explicar, escribir...

Neste proceso as familias sodes tamén moi importantes, xa que podedes colaborar con nós individualmente, na casa acompañándonos na busca de materiais e información e tamén no grupo coa vosa visita á aula para aportar a un proxecto concreto ou a algunha actividade puntual: cociñar, ler un conto, levarnos a algún lugar interesante... todo o que se vos ocorra, xa que aos nenos e nenas encántalles e nós gozamos moito coas vosas colaboracións.

Bueno, pois xa vedes que temos moito que facer xuntos. Grazas por acompañarnos na viaxe de aprender.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

A vosa participación tamén é importante....contade!!