3 de noviembre de 2012

Happy Halloweeeeeen 2012!

Como xa vos fomos contando, durante dúas semanas estivemos cos preparativos necesarios para poder celebrar o Halloween. Para elo, preparamos as cancións que escenificariamos na tan ansiada festa, e non só isto, tamén fixemos, coloreamos e decoramos os nosos propios disfraces, léronnos e limos libros de bruxas e os seus gatos negros, morcegos, monstruos riquiños, cabazas, pantasmas, arañas peludas... Vimos uns debuxos animados dunha bruxa boa, o seu gato branco e negro e maila súa curuxa. Chámanse "Meg and Mog and Owl" e están baseados nos libros que lle lían a Ana a profe cando era pequena. Seica lles ten moito cariño. Introducindo o título en YouTube podemos velos tantas veces como nos deixedes. Tamén fixemos obradoiros de cabazas... En fin, unha chea de diferentes actividades para coñecer máis e mellor esta cada vez máis popular celebración de orixe celta. PicMonkey Collage Nursery 1.1 PicMonkey Collage Nursery 2.1 PicMonkey Collage Nursery 3.1 O día anterior á festa fomos á aula de música para ensaiar as nosas actuacións, tal e como fan os nenos e nenas máis maiores. Isto fíxonos sentir moi grandes, porque aínda que pequenos realmente somos grandes e así é como nos gusta que nos fagan sentir. PicMonkey Collage Rehearsal 1 Chegou o día de celebralo e no cole puidemos comprobar que todas as aulas estaban decoradas para tal ocasión, así como que moitos nenos e nenas viñeron disfrazados ao cole. Non nos asustamos, pero si nos sorprendemos de ver todo o diferente que estaban todos e todo. Ao fin chegou a tarde e logo dunha pouca maquillaxe, puxémonos os nosos disfraces e marchamos coas nosas profes e David para cantar e bailar, e pasalo moi ben para a aula de música (igual que xa fixeran pola mañá os nenos e nenas maiores do cole) Belinda, a curmá bruxa da nosa profe Ana, veu facernos a súa habitual e anual visita. Seica vive moi lonxe e sabe voar e facer maxia. Belinda é unha bruxa das boas e mesmo ten unha vasoira que a axuda a voar polo ceo. PicMonkey Collage Halloween 1 PicMonkey Collage halloween 2.1 PicMonkey Collage halloween 3.1 Logo de todo isto, voltamos a clase e cantamos o "Trick or Treat" propio para conseguir unhas chuches que comemos mentres vimos a película "Halloween with Mickey" que foi moi divertida. Como veredes, pasámolo en grande e antes de nos despedir ata a próxima, deixámosvos un vídeo que esperamos vos faga gozar tanto como o fixemos nós.








28 de octubre de 2012

A natureza no outono

castañas 1

 Xa estamos no outono!!! e con el chega o tempo das castañas, dos cogomelos, das landras e de algunhas flores que tivemos a ocasión de descubrir, moitos de nós por primeira vez, o pasado xoves grazas á mamá de Adrián de 3º EI que nos levou a un lugar ben bonito chamado Ludrio, pretiño da súa casa.

 Saímos do cole pola mañá cedo e subimos no autobús. Para os nenos e nenas de 1º EI era a primeira vez que saiamos do cole no bus e estabamos moi moi emocionados e emocionadas!!! que ilusión ir de excursión cos nosos compis, coas nosas profes e ademais EN BUS!!.

 Cando chegamos vimos dous castiñeiros cheíños de ourizos e no chan....pois moitos máis! así que enseguida nos dispuxemos a apañalos axudándonos dos pes para non espiñarnos e abrir os ourizos que se resistían. E segundo iamos apañando, descubríamos outros moitos tesouros que a natureza nos agasalla no outono: cogomelos, bechiños, follas e flores e ata algunha amora que aínda quedaba para que puideramos degustala.
Como vedes nas fotos había moitas flores  que soubemos se lles chama "quitamerendas" porque cando saen xa remata o tempo de poder merendar no prado, na herba sentados.

Pasámolo moi ben, corrimos polos prados, descubrimos diferentes tipos de cogomelos, xogamos na natureza, falamos co eco e gozamos dunha mañá soleada en moi boa compaña. Grazas Marisol. 


castañas 2
castañas 3
castañas 5
castañas 6
 

castañas 4

E iniciamos así a primeira das colaboracións das mamás e papás das tres aulas de Infantil, e coma sempre ademais de agradecervos a vosa sempre disponibilidade queremos animar ás familias de 1º EI a lanzarse a esta xenial experiencia de comparir cos nenos e nenas, dentro ou fóra da aula, un ratiño moi especial....bueno, e as demais familias xa sabedes que estamos encantadas de que repitades experiencia!!!! Esperámosvos familias!!!

16 de octubre de 2012

Robby Rabbit's Birthday!

Hi everyone! O pasado xoves 4 de outubro foi o quinto aniversario de Robby Rabbit e na clase das sereas fixemos unha festa por todo o alto con globos, música e regalos. Para iso, os nenos e nenas de 5 anos elaboramos unha tarta de laranxa e chocolate e despois de almorzar comemos o pastel, cantámoslle o Happy Birthday a Robby e abrimos o seu regalo. Pasámolo de fábula. Robby's birthday cake Aquí estamos a preparar a tarta de cumpreanos. Robby's birthday party. E nesta foto estamos a almorzar, a cantar, a xogar e a comer tarta. See you soon!

9 de octubre de 2012

Recitando a Celso Emilio Ferreiro

                       Aínda que este foi un proxecto do curso pasado non queriamos que quedase sen ensinarvos o resultado final e contarvos un pouco o proxecto. Non o puidemos subir antes por porblemas técnicos e agora que xa dominamos o tema queriamos compartilo con todos e todas vós.

 O proxecto desenvolvémolo ao longo da Semana da Cultura (que en realidade foi case un mes) no mes de maio. Nestes días achegámonos ao mundo da poesía e, como non,  tamén aos poemas e poetas Galegos. Así que decidimos participar no proxecto de Radio Lugo Cadena Ser "Mil voces para Celso Emilio" co gallo do centenario do nacemento do Poeta. Podedes ampliar informacióm aquí

E puxémonos mans á obra no proxecto. Limos algúns poemas do autor, falamos do que é un poema, como soan as palabras, que queren dicir, o complexo da linguaxe ás veces, do que podiamos imaxinar lendoos......e escollemos un sinxelo para traballar entre os tres grupos de Infantil.
 Decidímonos polo poema "Canción" porque nos parecía máis cercano, falaba de cousas que podiamos sentir máis preto e porque o propio ritmo do poema nos chamaba a repetilo e memorizalo.
O primeiro paso foi facelo un pouco mais visual, escollendo imaxes que representaran as palabras e que fose así un chisco máis doadol lelo e recordalo e fixemos un mural para expoñer no corredor e compartilo cos demais.
.
Para os maiores que "no sabedes ler coma nós" deixámosvos aquí o poema:
"CANCIÓN"
 O vello cantaba
 unha lembranza
O mozo cantaba
unha esperanza
 O neno cantaba
 unha loubanza
 Povo meu, pois que cantas, érguete e anda.
                                   Celso Emilio Ferreiro.

 O seguinte paso foi gravalo para podelo enviar á radio e...... David montou na aula un pequeno estudo de gravación con micrófono e todo!!! E moitos cables, e aparatos, ordenadores......e o mellor de todo: puidémonos escoitar a nós mesmos. Despois de algunhas probas de son e de experimentos varios co aparataxe, fixemos a nosa gravación entre os tres grupos que quedou así de ben:

Os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria tamén participaron no proxecto con un poema musicado e cantado entre todos e todas coa colaboración de Uxía, a profe de música de primaria e Andrea, a profe de guitarra de Cantarela. De seguido deixámosvos a súa versión.

25 de septiembre de 2012

Oferta cultural para os máis pequenos

Xa sabedes que tamén nos gusta informarvos a través do blog da oferta cultural de algunhas institucións non só da nosa cidade, senón tamén das máis cercanas ou daquelas outras nas que cremos que merece a pena un pouco de desplazamento dada a calidade que poden ofertar.
 Recomendámosvos coma sempre que periodicamente visitedes a oferta do Teatro Colón de A Coruña que teñen unha ampla programación infantil ao longo do curso.
No Palacio da Ópera tamén teñen unha oferta musical e teatral de calidade.
 E agora que xa empezou a funcionar, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela temos xa a dispoñible a primeira porgramación de música clásica dirixida ao público máis pequecho. Chámase PEQUECLASSIC e premendo enriba xa vos redirixe ao sitio.

 Pero para facilitar a visita periodica a estes sitios, quedan permanentemente enlazados na columna da esquerda do blog que chamamos "para curiosear". Non deixedes de visitar porque ao longo do curso aparecen novidades.

 Da oferta da nosa cidade xa vos iremos informando. De momento podedes ir vendo os avances na programación do San Froilán, que coma sempre conta coa sección especial para nós chamada San Froilanciño.
 E para arrancar antes das festas con algo de humor, non deixedes de asistir ao Festiclown. Aquí tedes o programa.

 Esperamos que gocedes dos diversos espectáculos e....xa nos contaredes nas aulas!!!