29 de marzo de 2011

A hora do conto

Esta é unha das rutinas que temos establecida en todas as aulas de infantil. É un ratiño máxico no que a través dos contos viaxamos por diferentes planetas, lugares, émocións, aventuras, cores...
Os nenos e nenas de 1º e 2º EI facémolo xuntos e chamámoslle "Contos e Cantos" xa que moitos dos contos que contamos tamén os cantamos porque van acompañados de música, cancións, bailes ou rimas. Cada semana escollemos 4 contos e despois, os venres eleximos entre todas e todos o que máis nos gustou. Ese é o "Libro da semana" do que facemos un pequeno dossier coas personaxes e un pequeno resumo do contido para podelo volver a recordar e releer nós de maneira autónoma. Así ao final de curso teremos un montón de "minicontos" reinterpretados e reilustrados por nós mesmos.

Os nenos e nenas de 3º EI tamén temos o momento de lectura diario pero nós, como somos os grandes, lemos un libro moito máis longo e complexo ao longo da semana e despois expoñémolo no corredor xunto cos nosos escritos nos que reflectimos as nosas impresións, o que nos gusta ou nos disgusta e as sensacións que a historia provoca en nós. Tamén recollemos datos como o título, autor/a, ilustracións, editorial... É unha forma de axudarnos a fixarnos en datos aparentemente irelevantes pero que teñen moita importancia. Xa nos demos conta de que hai libros e contos que non nos aportan nada, que son para os máis pequenos. Xa nos gusta a Literatura con maiúsculas. Ana María Matute ou Selma Lagerlof son autoras que nos cautivan cos seus relatos. Con estes libros aprendemos vocabulario, expresión, diferentes xeitos e formas de pensar e sentir e novas culturas. É unha auténtica ledicia escoitar e ler contos e compartilos cos demais.


Os libros que utilizamos pertencen ás bibliotecas de aula, á biblioteca do centro ou os traemos da Biblioteca Nodal de Lugo. Esta biblioteca ofrécenos a posibilidade de ter fondos e títulos en contínua renovación.
Enmaracado no Plan Lector de Galén todos os nenos e nenas en 1º EI co gallo do Día do Libro facemos unha visita ás instalacións da Biblioteca na que nos ensinan o funcionamento da mesma e recollemos o noso carné de lectoras e lectores. É unha maneira de favorecer o acceso ao mundo máxico dos libros no que podemos atopar mil e unha aventuras compartidas con outros moitos lectores e lectoras.

Se tedes algún título marabilloso que queirades compartir con nós publícadeo nun comentario ou vide á clase a lelo con nós. Será un agasallo para todos e todas.

libro semana 1
libro semana 2

1 comentario:

  1. Gustaríame volver a ser neno. Cando eu ia en infantil non había estas cousas. Meus parabens (Alberto)

    ResponderEliminar

A vosa participación tamén é importante....contade!!