Ola a todos e todas!!!
Traemos moitas novidades que contarvos, xa que fomos de excursión tres días a Garabullos, unha granxa escola que está moi preto do cole, en Cospeito.
Ao longo de todo o curso tivemos moitas saídas e visitas, pero esta foi mooooi diferente porque durmimos fóra da casa sen papá e mamá, porque estivemos en contacto coa natureza e os animais, nun entorno rural que, en xeral, é diferente ao que nos rodea habitualmente e porque, en definitiva, tivemos que ser moi moi maiores para lembrarnos e responsabilizarnos en todo momento das nosas cousas, tarefas e rutinas.
E sabedes que?... Obxectivos cumpridos!!!
Fixémolo xenial, aprendemos un montón de cousas, aumentamos a nosa autonomía, adaptámonos ás normas e rutinas do novo contorno, fixémonos responsables dos animais da granxa e todo isto pasándoo xenial...
Pero será mellor que vos ensinemos o ben que o fixemos, así que aquí vos deixamos as fotos!
O mércores saímos do cole, algúns un chisco tristes e nerviosas e nerviosos por despedirnos das nosas familias, pero pouco a pouco esa peniña foi substituída polo entusiasmo e a ilusión coa que partimos en busca de aventuras!!!


Chegamos a Garabullos e Lume contounos s unha fascinante historia:
Lume é un dragón enfeitizado convertido en persoa pola Meiga, que cando se enterou de que Lume e máis o seu irmán Fume axudaran a Pit nas tarefas da granxa usando a maxia, enfadouse moito descubriuno ao probar un pan cocido con lume de dragón e non no forno). Así que converteu a Lume en persoa e a Fume noutro animal. A cousa é que Lume non sabe en que animal porque agora non ten a capacidade de falar con outras especies, pero escoitou dicir que os nenos e nenas sí teñen esa capacidade e pídelles axuda para comunicarse co seu irmán e volverse a ver.
Deunos peniña que Lume e Fume estivesen separados, así que propuxémonos atopalo!
Ao rematar a historia de Lume coñecimos ás monitoras que nos acompañarían estes tres días e ás rapazas da casa: Patri e Yoli, que nos fixeron unhas comidas riquísimas. E todas conseguiron que esta experiencia fose divertida e que nos sentísemos coma na casa.

Visitamos as instalacións nas que atopamos cabras, ocas, burro, eguas, coellos, galiñas... e preciosos cans: Moza, Breda, Cheiro... cos que fixemos moi boas migas e pasamos os tres días dándolles moitos mimos. Ao longo destes tres días estivemos moi pendentes do coidado de todos os animais, mirade que fermosos están logo dos nosos mimos...
Tamén tivemos xogos cooperativos e xogos de auga, nos que ademais de mellorar a nosa psicomotricidade e a nosa confianza e autoestima, tamén o pasamos xenial compartindo, escoitando e colaborando!
Para facernos cargo das novas tarefas e responsabilidades precisamos coller forzas dende primeira hora da mañá e ao longo do día cos ricos almorzos, comidas e ceas ....mmmmm
Houbo tempo para gozar da natureza tirados en mantas mentres Mila nos contaba contos aproveitando o silencio e calma do contorno así como o bo tempo que nos acompañou...
Tivemos tempo tamén para facer uns ratos moi xeitosiños para xogar logo con eles mirade, mirade!
Entre tanto axetreo e actividades precisamos descansar e durmir para logo espertar con renovadas enerxías e moi moi guapos e guapas até sen peitear!!!
E menos mal que fomos recuperando forzas porque non paramos! Fomos ao bosque en busca de aventuras e atopámolas.
Se lembrades tiñamos unha misión: atopar a Fume e..... alá fomos! Polo bosque tamén fomos atopando sinais de Pit, o trasno que nos gastou bromas mentres estivemos de visita, así, no bosque atopamos o pixama de Aldán, as zapatillas de Alexandra, o móbil de Cris... e outros tesouros que nos demostraron que Pit é un bromista!
Como nos encantou o bosque voltamos outro día, esta vez para avistar un niño de cegoñas...
E como non, tamén tivemos tempo para mellorar as nosas aptitudes culinarias e cociñar un exquisito biscoito para celebrar o aniversario de Cayetana, que cumpliu con nós os 6 anos!!! Mirade que ben o pasamos cociñando e probando (por suposto!!!).
O xoves á noite celebramos a festa de despedida e o cumple de Caye, degustando a exquisita tarta que fixeramos .... mmmm aquí vos deixamos fotos da celebración (sentimos a calidade das imaxes pero bailamos e xogamos taaaaanto que as fotos tamén saen movidas!)
Voltamos o venres, esgotados e un pouquiño tristes pola despedida pero tamén contentos e contentas porque voltamos á casa e desexosos de vervos aos papás e mamás, darvos uns mimos e contarvos todo o que vivimos e o ben que o pasamos.
Estes tres días foron unha experiencia que nos aportou moitísimo e nos axudou a medrar un pouquiño máis. Mirade que cariñas traiamos no bus de volta...
Agardamos que gozarades vendo o ben que o pasamos e o moito que aprendimos, gozamos e medramos na nosa saída!
Biquiños mil a todos e todas!!!