Por unha banda, como final do trimestre, preparamos nas tres aulas as bolsiñas nas que transportar os nosos traballiños. E como xa sabedes que para nós é fundamental o principio da reutilización e redución de resíduos este ano decidimos utilizar en 1º e 2º EI sabas que xa non usabamos nas casas e en 3º EI camisetas das mamás e/ou papás. Dende aquí queremos darvos as grazas a todas as familias que sempre estades moi dispostas a colaborar tamén nesta parte de búsqueda na casa.
Este era o material inicial do que partir para, con un toque máxico, reconvertilo en bolsiñas fantásticas nas que cada trimestre meter os traballiños, e cando rematen esta función inicial as poidamos utilizar no día a día (para levar a merenda, o pixama de fin de semana etc.....!!! unha chea de usos que lles podemos dar.
Na clase das sereas e das fadas o toque máxico foi o tinguido.
E os leóns enfeitamos as teas cos estampados das nosas mans.
Como xa é habitual, por esas datas o cole sempre participa nalgún proxecto solidario. Este ano colaboramos co Banco de Alimentos de Lugo.
Os rapaces e rapazas de 2º ESO foron os encargados de vir a contarnos a súa experiencia no mesmo un día de reparto pola tarde axudando e da visita ao cole da fundadora do mesmo. Viñeron ás nosas aulas despois a contarnos o que viviran e como podiamos colaborar, así que ademais de aportar comida elaboramos unha postais donativo para a recolllida de fondos cos que mercar alimentos, inspiradas no tema: unha cestiña feita con diferentes materiais e cheíña de comida.
Aquí podedes ver o que fixemos en 2º EI: a cestiña con papel de xornal enroscado e dentro metímoslle fabas, lentellas e pasta.
Grazas de novo familias pola vosa colaboración tamén neste proxecto porque o resultado foi un éxito tanto na recollida de alimentos como de fondos para mercalos dende o cole. E por suposto a aprendizaxe ao redor deste tema mereceu a pena, non vos parece?
Outro dos proxectos que trae o Nadal é a elaboración de postais de felicitación.
En infantil sempre facemos un modelo (ou dous) para a nosa familia e outro para enviar a algún neno ou nena de outra clase. O intercambio destas últimas faise o último día pola mañá e de forma un tanto peculiar porque se trata de metelas por debaixo da porta sen que nos vexan, petar nela para avisar e despois saír correndo para non ser vistos. É moi emocionante!!
En 1º e 2º a inspiración para facelas foron os alimentos. Que bonitas!
E as sereas iniciamos un proceso de investigación/creación con algúns alimentos vendo as súas posibillidades plásticas.
Para as familias este ano a clase das sereas fixo unha felicitación en 3D con material de refugallo 100%.
A silueta do nosos brazo fixo de molde para a árbores en cartón que despois enfeitamos con anaquiños que sobraron de outros traballos e a silueta de nós mesmos coa mensaxe de Nadal. A que son chulas?
Estas son só algunhas mostras da parte plástica do proxecto "Nadal" pois como é xa tradicional de novo os xoguetes co material de refugallo, os adornos para a árbore, adornos para as aulas e corredores, preparamos os traxes para a actuación..... (Upss, esto será outra entradiña....)
De momento deixámosvos con esta parte da nosa creación pero...queda moito que contar!!! esperámosvos aquí!