Queremos compartir con vós algunhas das cousiñas que fixemos na
Semana da Cultura, que co gallo do Día das Letras Galegas todos os anos celebramos en todas as aulas do centro.
En infantil limos e creamos poemas, fomos a un contacontos e preparamos a festa dos Maios.
Os nenos e nenas da clase das Landras escollemos a poesía de Uxío Novoneyra xa que nelas puidemos ver elementos da natureza que coñecemos ben e que son cercanos á nosa experiencia cotiá: a choiva, as fontes, os paxaros ....Especial atención adicamos ao poema que vedes na foto, a través do cal traballamos un montón de cousas:
memorizamos o poema, experimentamos coa sonoridade das palabras, como sonan, cales se parecen, que letras recoñecemos nelas, a que outras palabras coñecidas se parecen....e fixemos con material de refugallo unha fonte que sae dunha pedra da montaña. Así de chula nos quedou:
Ás estrelas encantounos a poesía de Antonio García Teijeiro "
O rato e maila lúa" porque nos fixo gracia que o rato se namorase da lúa e ao mesmo tempo tamén nos pareceu bonita xa que nos amosa que podemos querer a alguén moi distinto a nós. Traballamos tanto a temática do poema coma a súa composición e así descubrimos que o poema se dividía en tres partes e tamén aprendimos a rimar lúa con rúa, rir con durmir... Logo disto preguntámonos se todas a vogais poden levar til, e grazas ao poema chegamos á conclusión de que sí. Coa elaboración deste mural repasamos as letras que coñecemos, descubrimos o nome doutras e pronunciámolas, atopándolles semellanzas con nomes que xa coñeciamos. A continuación podedes ver a nosa obra de arte, agardamos que vos guste tanto coma a nós.
AS MEDUSAS traballamos o poema do autor ferrolá Antón Cortizas chamado
Un home de Lugo. Antón Cortizas obtivo o
premio Merlín en 2001 e en tres ocasións o
premio O barco de vapor. Este poema fala de amor, de finais felices, cun final un pouco inesperado pero frecuente para as persoas que se adican exclusivamente aos demais. Nós xa sabemos escribir e puidemos, ademais de ler e memorizar o poema, escribir os versos e representar de xeito autónomo o que nos suxiren. A poesía sempre nos fai soñar e crear imaxes que os libros ilustrados nos dan feitas.
O xoves fomos a un contacontos ás Termas e contáronnos tres contos divertidos e emocionantes. Nun deles a contacontos, con recortes de xornais foinos facendo as personaxes que formaban parte do conto: unha ratiña, un sol, unha nena... Logo seguimos coa historia dun porquiño moi listo ao que todos querían comer pero que sempre se saía coa súa e ate lle daban masaxes! E para rematar non só nos contou un conto senón que nos fixo partícipes del transformámonos por un anaco en princesas, reis e outras personaxes curiosas e fascinantes que nos fixeron sentir coma os actores e actrices por un día.
E como fin de festa celebramos, como todos os anos, a festa dos Maios xunto cos rapaces e rapazas de Primaria e primeiro ciclo de Secundaria.
Entre todos e todas construímos o Maio cónico: uns recolleron e colocaron xestas, outros ovos e laranxas, outros fientos e fiuncho e nós recollemos flores dos arredores e fixemos ramiños para enfeitar o nosos maio que quedou así de ben.
Toda a semana estivo adicada aos Maios: falamos da tradición popular, do significado, das músicas e cancións, dos adornos e traxes....
Preparamos as coroas de flores, desta volta fixemos unha pequena recreación das mesmas; con plastilina de cores e papel de seda fixemos estas flores tan orixinais... a que parece que son de comer!!!
E inspirándonos nunha obra de Andy Warhol fixemos este fermoso maio cónico para enfeitar o noso corredor e aportando así a parte máis actual á nosa tradicional festa.
Aprendemos a canción do Maio de Mondoñedo e o Venres cantámola acompañándonos de claves e cun pequeno baile ao redor de dous maios humanos, emplazámolo para que volvese o maio para o ano que vén e poder pasalo de novo así de ben!!!
